Imos escavar o Castro d’A Cabeciña e ti podes ser partícipe. Ata o momento atopamos, entre moitas outras cousas, cerámica púnica, un machado de bronce e varias cabanas de pedra. Colabora connosco para axudarnos a descubrir as pistas que nos falen do pasado de Costa dos Castros.

A historia foi modificando a paisaxe desta costa ao longo de miles de anos. En 2016, escavaremos dous castros da Idade do Ferro, A Cabeciña e Chavella, para coñecer máis sobre as persoas que alí viviron e como se relacionaban con comerciantes marítimos de lugares tan remotos como o Mediterráneo oriental.

Castro da Cabeciña

CdC

A Cabeciña era un crisol onde se fundían (literalmente!) culturas mediterráneas e atlánticas. A investigación arqueolóxica permitiu atopar en 2015 evidencia de comercio  a gran escala co Mediterráneo – principalmente, anacos de cerámica púnica e romana, algúns en excelente estado de conservación.

O equipo tamén atopou un machado de bronce tipo “talón” que, segundo os investigadores, non sería usado como arma senón máis ben como unha especie de moeda para intercambiar por outros produtos. O viaxeiros que viñan dende o Mediterráneo moi probablemente compraban machados coma este para fundilos e así obter bronce. Intercambiarían os machados por produtos artesáns como pezas de cerámica decoradas ou xoias, moi prezadas polos habitantes de Costa dos Castros.

Cabanas a esgalla

CdC

A Cabeciña é un exemplo impresionante do enorme esforzo que durante a Idade do Ferro facían as persoas para acadar que a paisaxe fose habitable. Deberon escavar o cumio do monte para achaiar a superficie e crear terrazas nas que construír os seus edificios, así como unha muralla xigantesca e profundos foxos para protexer o castro.

En 2015 un equipo de arqueólogos limpou a muralla que rodea o castro, revelando así a súa estrutura orixinal en escaleira. Tamén abriron varias sondaxes  nas terrazas, deixando ao descuberto varias cabanas de pedra.

CdC

Un dos descubrimentos máis interesantes dos arqueólogos foron tres cabanas superpostas que nos falan de tres períodos de ocupación diferentes do xacemento, probablemente comezando na primeira Idade do Ferro.

Este descubrimento, unido á proximidade do castro a un dos petróglifos máis espectaculares de Costa dos Castros, pode axudar a investigadores a ampliar o seu coñecemento sobre a transición da Idade do Bronce á Idade do Ferro en Galicia.

En 2016 queremos escavar outra cabana xunto á cabana mellor conservada d’A Cabeciña, que foi descuberta o ano pasado. Ti podes axudarnos a atopar máis pistas sobre a complexa historia d’A Cabeciña. ¡Garantimos unha campaña arqueolóxica espectacular!