Costa dos Castros é un estreito tramo de costa bordeando o Atlántico. Está inzado de restos arqueolóxicos, e moito máis – fragas, fervenzas, cabalos salvaxes, terras fértiles, e o sempre presente océano Atlántico… Non sorprende que a xente escollera vivir aquí século tras século.

Costa dos Castros atópase no extremo Sur de Galicia, xusto enriba de Portugal. Os seus 7 km de costa albergan 12 poboados da Idade do Ferro (castros), ata chegar á espectacular cidade pre-romana de Santa Trega n’A Guarda.

Ao xeito de Escocia, Irlanda e Gran Bretaña, a miúdo Galicia é considerada un centro neurálxico da cultura celta. Porén, cada vez estanse a atopar maior número de probas da existencia de relacións internacionais moito antes da chegada dos romanos. Probas que indican que este recuncho do Atlántico non era unha comunidade illada, senón máis ben un crisol de culturas celtas e mediterráneas.

A alta concentración de castros, arte rupestre e evidencias de comercio internacional en Costa dos Castros pode axudar a comprender como vivía a xente hai miles de anos ao longo das costas atlánticas. Porén, se cadra atopemos que os modos de vida tampouco cambiaron tanto en todos estes anos!

Os Castros da Costa

Cada un dos 12 castros detrás do nome de Costa dos Castros foi construído estratexicamente; tres deles no alto dos montes cunha función defensiva, e outros abaixo nos vales, máis cerca dos recursos agrícolas e marítimos.

Hoxe en día os pobos e aldeas da Costa dos Castros tamén teñen diferentes funcións dependendo da súa situación, a paisaxe e os recursos próximos.

As terras altas

Unha das maiores fontes de ingresos da zona é a súa masa forestal. As faldras dos montes están cubertas de árbores – principalmente de eucalipto e piñeiro empregados para converter en pulpa ou madeira barata, pero tamén subsisten algunhas fragas de especies tradicionais como castiñeiros, carballos e sobreiras. Parte do proxecto de Costa dos Castros busca recuperar o arboredo autóctono e promover prácticas forestais sustentables.

Subindo polos montes, as fragas dan paso á matogueira e vexetación baixa das terras altas. Aquí enriba a gandaría é esencial para o día a día. Non é estraño ver a fermosa raza vacúa autóctona, a vaca cachena, pacendo tranquilamente na compaña de cabalos do monte.

Os vales

As augas acumuladas nos montes escorregan polas súas faldras, formando fervenzas e pozas naturais, fertilizando as terras baixas dos vales. Aquí abaixo a agricultura é unha das principais fontes de ingresos.

Moitas casas teñen as súas propias hortas, onde o clima moderado e a abundancia de auga permite un cultivo moi variado, dende verzas e millo, ata ¡aguacates e cabazas xigantes! o proxecto Costa dos Castros nace tamén coa fin de apoiar aos produtores locais para procesar e vender os seus produtos agrícolas.

O Atlántico

Os ríos que fertilizan as terras de cultivo topan co Atlántico no bordo de Costa dos Castros. Algas, peixes e marisco son capturados a uns metros da ribeira para acabar vendidos na zona ou nas mesas dos mellores restaurantes das principais cidades españolas.

Tamén é famosa esta costa pola colleita do percebe, un dos emblemas da cultura gastronómica de Galicia, polo que cada ano homes e mulleres – os percebeiros – arriscan a súa vida para colleitalos das escarpadas rochas.

O Camiño

Para moitos turistas españoles, visitar Galicia é unha verdadeira peregrinación gastronómica, famosa polos seus produtos de máxima calidade. Internacionalmente, Galicia se cadra sexa máis coñecida por ser o destino final do Camiño de Santiago.

Unha das rutas, o Camiño Portugués por la costa, percorre Costa dos Castros atravesando o centro de Oia. Aquí atópase un impresionante mosteiro cisterciense, o máis próximo ao mar xamais construído e que no seu día foi empregado tamén como hospital de peregrinos.

Aínda queda moito por facer para protexer e poñer en valor o patrimonio de Costa dos Castros, e ti podes axudarnos. Colabora con este proxecto para apoiar á comunidade local, promocionando un turismo sustentable e ampliando o noso coñecemento da historia da Europa atlántica.