Costa dos Castros debe o seu nome á sorprendente concentración de castros, poboados da Idade do Ferro, neste tramo de costa. Como eran as persoas que os construíron? ¿Tiñan relación con culturas doutras partes da Europa atlántica, como os celtas? A arqueoloxía pode axudarnos a atopar as respostas.
A cultura castrexa, correspóndese co período da Idade do Ferro no noroeste da Península Ibérica. Desenvólvese nun territorio que coincide practicamente co que logo sería a provincia romana Gallaecia e posteriormente Galicia.
A expresión “cultura castrexa” consolídase nos anos 80. Con el pretendíase desbotar unha interpretación en clave céltica desta cultura. Deste xeito, elimínase calquera interpretación nomeando unha cultura a través do seu tipo de poboado principal: o castro.
Actualmente o debate celtista segue moi vivo tanto entre investigadores como nas redes sociais. Algúns autores prefiren empregar conceptos como cultura galaica, Galicia céltica ou Idade do Ferro en Galicia para referirnos a este período.
Cando o territorio transformouse en identidade
Pese a que existen certas diferenzas segundo os autores, considérase o inicio da Idade do Ferro en Galicia en torno ao século VIII a. C., hai uns 3.000 anos. O elemento que mellor define o paso da Idade do Bronce á Idade do Ferro é a sedentarización sobre a paisaxe.
Foi na Idade do Ferro cando as comunidades crean os primeiros poboados permanentes e definitivos, cunha idea de pertinencia á paisaxe e seguramente de identidade. Os castros son poboados fortificados e monumentais que destacan nun territorio. As murallas, visibles dende lonxe, son carteis que din “este é o meu territorio”. Os edificios, por primeira vez construídos en pedra, unha declaración de que as seguintes xeracións os sigan a ocupar.
Como era a sociedade castrexa?
Malia que os seus edificios eran construídos en pedra, non significa que a súa cultura tamén estivese gravada en pedra. Quedan moitas preguntas sen resolver sobre como eran as persoas que vivían nos castros. Durante os oito séculos de cultura castrexa ata a ocupación romana no cambio de era, atopámonos cunha sociedade dinámica e en continuo troco.
Os castros varían segundo a súa función. Nada teñen que ver os castros costeiros – moito máis dinámicos, por recibir a influencia do comercio e dos pobos navegantes – cos de interior, situados en paisaxes máis pechadas en si mesmas.
Moi diferente é un castro dos momentos iniciais – situados en altura, lonxe dos cultivos nun afán de protección – dos castros posteriores, en posicións máis abrigadas e próximas aos recursos.
Hai castros asociados a recursos moi específicos como as minas, castros relacionados coa produción agrícola, asentamentos portuarios vinculados ao comercio ou incluso, castros que eran auténticas cidades da época, os oppida, que actuarían como verdadeiras capitais e centros de poder. Un exemplo é o xacemento de Santa Trega en A Guarda, que limita coa Costa dos Castros.
Como nos axuda a arqueoloxía?
O noso coñecemento sobre a Idade do Ferro en Galicia está en continua revisión, sobre todo grazas aos novos achados dos últimos dez años que están a cambiar profundamente a nosa perspectiva…
En 2010 atópase n’A Lanzada (O Grove) unha factoría de salsamenta de peixe (tipo salsa garum) do século IV a. C. Este achado amosa unha influencia púnica e mediterránea antes da chegada de Roma moito máis intensa do que se pensaba.
Sempre existiu a idea da cultura castrexa como unha sociedade igualitaria e tendente ao comunal. Porén, cada vez hai máis probas do contrario, como os resultados da escavación no Monte do Castro, Ribadumia. Neste castro os arqueólogos atopáronse cunha sociedade máis xerarquizada do esperado, con espazos diferenciados dentro do poboado para as diferentes clases sociais.
Actualmente estase a realizar un gran proxecto de escavación en Santa Trega, un dos castros máis grandes de Galicia. O que se está atopando é sorprendente xa que está levando a orixe do poboado ao século IV a.C. Ou incluso antes, atendendo ás últimas análises radiocarbónicas. Isto é, ¡catro séculos antes do agardado!
Unha oportunidade única para a investigación
Estes son tan só tres exemplos de como está a cambiar o noso coñecemento de todo un período. Cremos que Costa dos Castros e a súa paisaxe arqueolóxica excepcional pode contribuír a esta revisión conxunta da Idade do Ferro en Galicia e na Europa atlántica.
Temos doce castros en tan só sete quilómetros de costa; uns en altura dominando o Atlántico, outros nos vales, cerca dos terreos de cultivo, e ata un castro de gran tamaño cerca do porto, seguramente a capital deste territorio na que o comercio local e internacional debeu de xogar un gran papel.
Temos a oportunidade de entender como esta paisaxe, e a relación dos seus habitantes con el, evoluciona a través dos séculos. Incluso poderiamos cambiar a nosa visión da Idade do Ferro. E ti tes a oportunidade de formar parte!